Vivir da pedra

Vivir da pedra

Canta, miña pedra, canta
ó compás deste punteiro,
canta, miña pedra, canta
faille compaña ó canteiro.
(Cántiga popular)

Querería comer pedra cada día,
vivir só da pedra.

Almorzar coas mans espidas
o po miúdo do granito rosa
espallado no ventre da madrugada,
coa imaxe do teu paraleito na retina
e os restos desta canteira abandonada
que é o meu peito
empoados por tantas lembranzas
eivadas.

Ser quen de engulir cascallos
a mancheas
entre os restos da desfeita
trala derruba da confianza,
descubrir entre a ferralla dos piares
pequenas notas manuscritas,
a lista da compra,
a lista dos erros de cálculo,
o inventario de ferramentas afiadas.

Chuchar cos beizos ensanguentados
-con dozura-
a grava inservible das pozas desalagadas
nas beiras dos nosos corpos,
no fondo do barro
-onde a auga é máis pura.
Conseguir sandar as nosas mans
das graves feridas da buxarda,
lavalas con augardente,
limpalas coa cinza
dos teus cigarros nocturnos
e secalas coas teas de araña
arrincadas de entre os toxos,
a paixón esquecida,
os espiños das silvas
ou o desexo vencido.

Saber aloumiñar o perfil dos teus cantos,
pulir con pulso certeiro
as dúbidas do teu altorrelevo,
soprar os restos da talla dos teus ollos
e apartalos coa palma da man
nun movemento de abanar
-como dicindo adeus-
e, se for preciso,
abrir os ollos para acubillar
no reverso dun lacrimal
cada gran de area perdido.

Querería comer pedra cada día,
vivir só da pedra.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*