Arquivo da etiqueta: poesía social

140 caracteres (versión estendida)

Se nos encarcerades as palabras
abrirémonos o peito para dispararvos
as gotas de sangue que nos fixestes tragar,
cuspiremos nas vosas gorxas
toda a rabia que vos debemos,
a ferruxe dos días que nos roubades,
e o único que nos dades de balde,
náuseas, vergoña, noxo.

Se nos roubades o sorriso
xogaremos a estourarvos as xugulares,
amputarvos as dedas á altura do pescozo,
arrincarvos as linguas que nos aldraxan,
cravarvos nas pupilas
as unllas que afiamos
nas vosas estriadas mentiras.

Sodes vós quen traballades en nós
día a día, ofensa a ofensa, hostia a hostia,
a ansia da vosa fin,
a imaxe das vosas calugas
cun perfecto burato do diámetro exacto
das balas ocas que merecedes.

Se nos prohibides odiarvos,
odiaremos as vosas vidas
e todo aquilo que enxendredes.
Desexarémosvos a morte en cada soño,
ledamente, con apetito e cobiza,
con alegría, sen matices,
cos folgos que nos resten
tras do enorme esforzo
de seguir sendo felices.

Poema e foto: Carlos Da Aira

Xa nada cheira coma antes

Os libros xa non cheiran a libro. Aquel arrecendo que xurdía do horizonte onde se unen as peles máis brancas, aquel cordón umbilical que asomaba nas puntadas, aquela mestura de cola, tinta e papel colonizándonos os pulmóns, aquela antesala da adicción máis doce para nós, consumidores, e máis dura para eles, o sistema. Agora, se lapas os dedos despois de pasar cada páxina, xa non notas aquel sabor a mazá verde e ácida, aquel resaibo a droga prohibida, a transgresión, a delito, a heroicidade.

As portas das casas xa non cheiran coma antes, a benvida e sorpresa, a froita fresca. Agora fede a pólvora e a trampa por tras dos pechos, entre os gonzos, e unha corrente de aire tóxica substituíu aqueles felpudos de goma que arrincaban de raíz todos os pasos mal dados durante a xornada. Agora todas as portas semellan portas de atrás, e todas as cancelas pechan do revés, contra o mundo, convertendo cada visita, cada veciño, nun inimigo que derrubar.

As noites xa non cheiran a noite. Limpamos concienciudamente a superficie das nosas mentiras, antes de pronuncialas, coa máis variada gama de produtos de hixiene persoal, facendo da nosa nocturnidade un oco aséptico e baleiro onde xa non agochamos os bicos prohibidos, eses que nos daban a vida ao tempo que nos roubaban a virxindade coa violencia da primeira copa de augardente.

Os charcos xa non cheiran a charco, nin a auga; cheiran a chuvia ácida, a documental sobre Chernóbil e mutacións xenéticas, cheiran a chapapote e praia sen ondas, nin rochas, nin vento, nin cunchas; cheiran a buratos de ladrillo, ou nin sequera iso: cheiran a buratos grises, a pésima novela de ciencia ficción, a máquina do tempo sen batería. As nenas de mañá míranse nos charcos de hoxe e non se ven reflectidas; saltan nos charcos de hoxe e non chapican unha soa gota de auga, saltan neles con todas as súas forzas e apenas conseguen producir o terrible ruído duns zapatos esmagando formigas que xa non volven de traballar, como nos contos, senón de emborracharse na taberna, e é por iso que volven facendo eses.

O amor xa non cheira coma antes, a inocencia desbocada e perigosa. Toda a tecnoloxía deste século foi inventada e desenvolvida quer para ocultar o arrecendo do amor quer para fabricar os cartos cos que lle mercar un fermoso disfrace e un perfume indecentemente caro. Sexa como for, estamos a pagar a nosa perda irremediable do olfacto para o amor.

Xa nin o odio cheira coma antes!
Lembrades? Lembrades como arrecendía antes, o odio, a revolución?
Agora o odio tan só cheira -simple e asepticamente- a odio; e así non hai quen se namore.

Poema e fotografía: Carlos Da Aira

O soño de Europa

hai, nos pregues deste mapa, unha corrente de aire
de temperatura indeterminada, incalculable
unha bandada de paxaros autistas e asíncronos
un cardume de peixes en proceso de secado
por exemplo filetes de bacallau como sabas onde proxectar
a vergoña dun continente enteiro
unha bogada enteira de sabas
tendidas ó clareo dun sol en proceso de descomposición
un círculo de estrelas moribundas
un círculo que non acerta a debuxar unha constelación
―sequera a forma aproximada da boca dun pozo negro―

hai un dicionario con tapas de pel e fío de ouro
vomitando escusas, fronteiras, zapatos desemparellados
bonecas que aprenden a levitar para non ter que tocar o chan cos pés
para ceibarse de arder, de se derreter
nun inferno de experimentos macroeconómicos

ás veces, nese proceso de reencarnación
―no desesperado último intento de fuxida―
as bonecas ensaian novas técnicas de escapismo
por exemplo reencarnárense en manequíns
poboando entón, ó azar, os escaparates dos bulevares
nas capitais dun progreso pornográfico
ou os estantes descatalogados dos almacéns
nas factorías do esperpento

hai un manual de instrucións
un titorial para non cometer erros de principiante
na solicitude dun subsidio dirixido a mudares de pel
e convertéreste nunha víbora das boas
isto é
un réptil poderoso, con familia, tarxeta de crédito e un pasaporte
en cuxa fotografía apareces con gafas de espello
e a mirada inerte ou esquiva
―derrotada, en calquera caso.

hai, en definitiva, unha península de sangue coagulado
unha terra como anacos de carne pendurando dun mar, unida a el
por apenas un pelello, un cordel de cadáveres acuosos
que non acaban de quedar lindos nas fotografías
cando aparecen sen querer alá ó fondo
detrás dos sorrisos relucentes de bocas cheas que saben pronunciar
―sen pestanexar, sen abrir os beizos nin mover a lingua―
ese compendio de mentiras
para as que xa esgotaron todos os antefaces
todos os disfraces, todas as caretas

como cando din cidadáns e queren dicir mercancía
como cando din cristiá e queren dicir blasfemia
como cando din valores e queren dicir mercado
como cando din tradición e queren dicir xenocidio
como cando din pasado e queren dicir amnesia

como cando din futuro
e queren dicir as mesmas vellas tácticas de exterminio.

Fotografía e poema: Carlos Da Aira

Antena panóptica

Naceunos unha antena, un tótem descomunal
en cada outeiro, en cada costela cartografada,
un sistema nervioso de garitas,
unha cordilleira de ameazas,
un compendio de estalagmitas,
baluartes formando un asedio.

Non estaban cando fixemos as preguntas,
pero de súpeto acordamos dunha transición
e aí estaban as ondas
atravesándonos coma un sismo,
vendéndonos o dereito á información,
o arrecendo das mordazas
matizándonos nas peles a gama cromática dos negróns,
unha clase maxistral sobre como anoarmos os bozos
sen deixarnos levar pola indignación.

Agora temos hercios, vatios, amperios e imperios
coagulándonos as searas,
facendo da veciñanza un valado de alta tensión,
unha advertencia de perigo de morte,
un convite á desconfianza.

Xa non hai muiñada sen parte meteorolóxico,
orgasmo sen previo aviso,
frechazo sen campo de tiro.

Convertestes cada penedo nun panóptico,
sulfatástesnos o padal no tempo da colleita,
provocástesnos incendios na lingua.

Pero nós herdamos luvas de liño,
arados de ferro e dentes afiados
cos que abrirmos novos camiños,
e temos nas coxas un baile de san Vito,
un tangaraño no corpo que debería preocuparvos,

porque imos parir unha revolución entre o millo,

ímosvos mover todos, todos os marcos!

 

Poema e fotografía: Carlos Da Aira

Terceira guerra mundial

Amenceu un día,
derrubaran as torres xemelgas en Nova Iorque,
alguén dixo que a terceira guerra mundial estaba aquí,
e nós dixemos
“xa seremos felices mañá, amor,
hoxe debemos temer”.

Amenceu un novo día,
invadiran Irak, Irán, Siria, Libia, Palestina,
bombardeaban inocentes,
alguén dixo que a terceira guerra mundial estaba cerca,
e nós pensamos
“xa nos amaremos mañá, amor,
hoxe temos que agocharnos”.

Amenceu aínda outro día,
as reservas de petróleo e o Dow Jones facían temer o peor,
alguén dixo que a terceira guerra mundial estaba a chegar,
e nós dixemos
“xa gozaremos da vida mañá, amor,
hoxe debemos botarnos a tremer”.

Volveu saír o sol,
a banca deixara de gañar, ou iso dicían,
alguén dixo que a maior crise mundial chegara
e que a terceira guerra mundial estaba cerca,
e nós dixemos
“xa brindaremos mañá, amor,
hoxe toca apretar o cinturón ata nos aforcar”.

Un día, xa non lembramos cando,
amenceu o día máis gris das nosas vidas,
decatámonos de que a terceira guerra mundial
xa había tempo que comezara;
era contra nós,
disparaban medo a ráfagas intermitentes
e vencían eles.

Poema e fotografía: Carlos Da Aira

Decisión complicada

Para o Partido do Pan, todos os que non lles votaremos somos materialistas ou imbéciles.
Para o Partido da Nación, todos os que non lles votaremos somos traidores ou imbéciles.
Para o Partido dos Traballadores, todas as que non lles votaremos somos capitalistas ou imbéciles.
Para o Partido Nazi, todos os que non lles votaremos somos sionistas ou imbéciles.
Para o Partido da Razón, todas as que non lles votaremos somos irresponsables ou imbéciles.
Para o Partido do Si, todas as que non lles votaremos somos negativas ou imbéciles.
Para o Partido das Armas, todos os que non lles votaremos somos uns putos hippies ou imbéciles.
Para o Partido das Flores, todas as que non lles votaremos somos ultraviolentas ou imbéciles.
Para o Partido dos Ricos, todos os que non lles votaremos somos miserables ou imbéciles.
Para o Partido Fascista, todas as que non lles votaremos somos terroristas ou imbéciles.
Para o Partido Radical, todos os que non lles votaremos somos fascistas ou imbéciles.
Para o Partido Cosmopolita, todos os que non lles votaremos somos paletos ou imbéciles.
Para o Partido do Monte, todas as que non lles votaremos somos pirómanas ou imbéciles.
Para o Partido Sionista, todas as que non lles votaremos somos nazis ou imbéciles.
Para o Partido do Non, todos os que non lles votaremos somos ilusos ou imbéciles.
Para o Partido do Sistema, todos os que non lles votaremos somos inconscientes ou imbéciles.
Estas eleccións, a decisión volve ser complicada. Unha vez máis, teño que escoller entre o insulto que mellor combina coa miña imbecilidade ou votar a quen insulta co sorriso máis fermoso e a mirada máis chea de amor.
Poema: Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Estannos domesticando

Esas ganas de rebentalo todo, de estourar xunto coa bomba nuclear,
de ter raios ultra-mega-prototrónicos nos ollos e fundir coa mirada
montañas, rañaceos, farois e fórmulas matemáticas, todo xunto.

Estannos domesticando.

Xa ninguén se atreve a dicir “a ese? a ese malnacido era pouco matalo!”,
desapareceu o odio produtivo, incluso das letras dos grupos punk
-e os grupos punk, eses tamén desapareceron-
a movida viguesa quedou reducida a un Citroën última xeración
pasando a 150 km/h por diante do radar do Porriño,
e toda a forza da violencia construtiva quedou condensada
en escachar ovos contra un cristal de ABANCA
-e ata iso teñen que facelo os nosos avós,
nas horas libres entre coidar das netas e da horta
nestes últimos días de democracia.

Estannos domesticando.

Xa non rebobinamos as K7 con aquela axilidade nas articulacións,
e é por iso que esquecemos que un boli bic cravado nos ollos
é unha arma tan válida como o verso mellor escrito,
e non sabemos do poder da poesía
porque xa ninguén se atreve a recitarlle un verso de Lois Pereiro
a esa porra que baixa a cen por hora cara a nosa mandíbula
tan ben preparada, grazas á evolución, para recibir todas as hostias do progreso.

Estannos domesticando.

Falamos en linguas mortas e morremos de tanto ter as linguas mortas,
mórrenos a fala e inventamos novas linguaxes mortas para morrer matando
as poucas ánimas mortas que se nos aparecen en pesadelos
para lembrarnos que os soños doces xa morreron
e a morte está máis preto do que cremos.

Estannos domesticando.

Baleiramos botellas de cervexa e confundimos as armas coa munición,
suicidámonos un par de veces ao día e mastigamos balas de cobre,
sulfatámonos os ollos en encontros furtivos entre as trincheiras,
discutimos cunha enerxía sobre-humana sobre o sexo dos anxos
e por veces ata chegamos a algunha conclusión.

Estannos domesticando.

Todo o que nos resta para nos liberar
é escribir poemas surrealistas,
impregnalos de licor café e gas mostaza
e envialos camuflados en cartas de amor
aos novos amos da terra que sementamos.

Estannos domesticando.

Poema: Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira