Arquivo da etiqueta: poesía erótica

O insoportable pracer das rocas cravadas nas costas

Agora que volven os días nos que a suor
é a única fronteira entre as nosas peles
e a sombra dos días mollados en que se coñeceron,
agora que os continentes que conteñen os nosos ríos
dilátanse e contráense ao ritmo excitado do mercurio,
quería contarche que volvín visitar a nosa praia.

Sei que ámbolos dous prometemos esquecelo
-todo-
pero eu non deixaba de pensar
naquelas rocas
que aínda sinto cravadas nas costelas,
nos cóbados, nos xeonllos
-tamén nos recordos, e nos soños-,
precisaba saber
se mancarían aínda como mancaban aquela noite,
con aquel mesmo pracer insoportable
que era sentir a pedra penetrándome os poros,
competindo cos teus dentes por atravesarme a epiderme,
e roubarme a inocencia de crerte tan só para min.

Así que procurei aquel mesmo recuncho agochado
onde me levaras da man,
e espín o meu corpo de roupa
-e de reproches-,
esquecín por uns intres as túas últimas palabras
e tentei imaxinar que aínda me amabas,
pero non fun quen,
e conformeime con imaxinarte
murmurándomo ao ouvido.

A noite caíanos enriba
coma poutas de animais salvaxes,
e nós tamén respirabamos coma bestas
-con dificultade e ás présas-
e arrincabámonos a dentadas
as ganas de probar nas nosas carnes
a cantidade de sal que pode absorber unha lingua
nunha soa madrugada.

Aínda así, de entre tódalas rochas da praia,
souben -perfectamente- atopar aquela que recolleu
os restos dos nosos corpos despezados
trala acometida da onda que nos inundou,
e sentín no rostro a escuma mesta
que nos anegou as veas abertas de par en par.

Deiteime nela coma me deitaba en ti,
-ofrecéndocho todo, pedíndoche nada.
Na súa superficie acariñei a túa
e lembrei a greta elástica do teu ventre
deglutindo cada un dos desexos que me nacían erectos,
aspirando o salitre nos meus beizos cosidos a ela,
convertendo en bágoas as perlas
que eu tentaba sementar naquela furna
por ver se un día nos nacía entre as cunchas
unha pequena Venus espida
-pero só nos naceu a dúbida,
e coóusenos a paixón por entre os dedos.

Acordei co sol abrasándome,
derretendo no meu peito a nostalxia
das túas uñas afiadas nas miñas costas
e os teus ollos en branco.

E todo o que se me ocorreu facer para esquecer o prezo de perder o teu sorriso
foi escribir os nosos nomes na area,
esperar pacientemente pola marea chea
e observar as ondas do mar a borralos amodo,
mentres as miñas mans tentaban
-percorrendo amodo o meu sexo-
imitar a suavidade das túas
naqueles días en que ti aínda gozabas
arrincándome
humidade
e versos.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Ecuación

Subo ao faiado e desempoo vellos libros de física, poesía e matemáticas. Hoxe tomei a firme determinación de atopar unha ecuación coa que amarte sen límites.

Repaso -con toda a lentitude da que son capaz- os teus sistemas de resolución, realizo nas túas costas os cálculos pertinentes, reviso na nudez da túa caluga constantes e variables ao tempo que che sopro nos ouvidos mínimos comúns denominadores, mínimos comúns múltiplos, pero a solución escápame, e finalmente descúbrome facendo trampas no método de redución, acariñando -sen pedirche permiso- os infinitos decimais do número PI nas concavidades da túa cintura, despexándoche todas e cada unha das incógnitas polo método da metáfora, resolvendo por aliteración e eufonía as propiedades da sumatoria, da sucesión constante de arfadas e saloucos que agroman na túa gorxa convexa e na miña lingua que se debate sen acougo entre permanecer paralela á túa e descender perpendicularmente ata o circuncentro mesmo do teu triángulo isósceles.

Limpo con auga fervendo os estilográficos, realizo cunha coitela de afeitar un tallo certeiro e profundo nas veas dos pulsos e reencho os cartuchos de tinta co sangue que brota, para lixar milleiros de follas de papel cebola á procura da túa trigonometría.

Incansablemente percorro co trazo o seno dos teu seos, esvaro pola bisectriz dos teus ángulos, e detéñome trinta e sete graos máis abaixo, na secante do teu arco, no óvalo aberto e elástico no que debuxo con pulso firme infinitas liñas rectas que entran e saen e entran e saen e entran e saen das túas circunferencias.

E finalmente abro -ata que me doen- as mans, os ollos, todo aquilo que podo abrir, nun movemento convulso no que perdo absoluta e irremediablemente tódolos cálculos previos.

Deixo correr a tinta descontrolada por toda a túa xeometría, e acado o teu centro de gravidade no mesmo intre no que o universo enteiro se concentra nun punto de luz.

E atópote.

Poema: Carlos Da Aira
Ilustración: David Silva

E sorriches

Chegaches sibilante co teu cabelo crecho,
bisbándome aos ouvidos preguntas
que levaban a túa pel por suxeito,
facéndome devecer polo tacto
do teu húmido verbo,
a túa carne que sen apenas traballo
adheriu un predicado
á punta dos meus dedos…

e sorriches.

Analicei cada curva do teu xénero
coma se me faltasen futuros,
e subliñei seguido os teus lexemas
para telos ao alcance das xemas
cando se tornasen maduros…

e sorriches.

Recalaches en min sen planear os sinais,
os inicios, os precedentes,
moito menos aburar os presentes
ou apurar os finais,
outorgándome pretextos
para errar as concordancias
coméndoche os momentos,
roubándoche a abundancia…

e sorriches.

Enchémonos de adxectivos con lingua,
de substantivos salgados que pousamos
nos atributos dos nosos corpos suorentos,
de onde xurdiron parénteses, trazos,
aspas, comas, pero sobre todo acentos
e longos signos de exclamar
entre os que  ambos nos dixemos
que, se aquilo era o comezo,
poderiámonos amar…

E entón, sorrimos.

Carlos Da Aira 
Fotografía: Carlos Da Aira

As portas do teu corpo

Bafexas nos meus ollos mudándome a mirada,
pousando nas pálpebras os teus máis roxos bicos,
indecentes palabras entre lenes arfadas,
incendiándome a fala, pechándome os ouvidos.

Loitas por apreixarme nun nó contorsionista,
asfixiándome a gorxa, transmutándome o rostro,
e sen virar a ollada vaime nubrando a vista
o húmido abaneo do teu sexo disposto.

Trabuco -case adrede- as portas do teu corpo
acometendo os ocos abertos a ambos lados,
o varudo círculo -rexo, cálido, pronto-,
os labios de onde saír nunca me foi doado.

Curvas o torso e xemes volvendo atrás a vista,
abrindo a boca enxoita, os teus beizos luxuriosos
que describen o pracer desta nova visita,
este entrar no teu mundo por un camiño acuoso.

Lidando coa firmeza do teu obsceno abrente
libero o meu regueiro no cumio cardinal,
e enchéndonos de zumes, de branca neve quente,
agroma do teu pozo un belido manancial.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

O meu río no teu mar

“Jo, que mai he estat home de mar…”
(Manel)

Estudaba o mellor xeito
de beberche as marusías
relambendo a escuma branca
entre as túas simetrías.

Rubías ao mastro maior
abrindo as pernas devagar
lambéndome a néboa salgada
nas cónchegas das túas mans.

Envolvíache as velas no solpor
con cordeis que trenzabamos no abrente,
e xuntabamos milleiros de cabos
cos que te afianzabas no meu ventre.

Achicabas de vagar a proa
aspirando o líquido incipiente
entre poros de néboa miúda
secándome a lingua balbuciente.

Manexaba o temón con forza
na túa tormenta oxival
abrindo coa quilla as mareas
na calma do teu vendaval.

Afogabas nos berros do naufraxio
suplicando auxilio dende o tifón
e sempre se cumpría o bo presaxio,
a tremenda e sublime colisión.

Desexado e inevitable
era o meu desembocar,
o meu río no teu mar
de pura luxuria amable.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira