Táboas - Taboleiro de xadrez

Táboas

Foi gozar do reconto de peóns caídos
o que acabou por derrubar
as torres altas -indestrutibles antes-
e os piares que nos debían curar,
ou foi o medo a loitar espidos,
a cabalo, sempre mirando adiante.

Foi tamén o recoñecemento do terreo,
intuír a partida perigosa,
a converxencia das diagonais,
as paralelas -sempre enganosas-,
internarse na fronte inimiga arreo
a pesar dos nidios sinais.

Foron as pezas, o reloxo, o taboleiro,
as defensas, a apertura,
os ataques, os enroques en falso.
De nada nos valeu a tenrura
de tantos sorrisos sinceros
finados no cadafalso.

É o coñecido apreixo de mans
tralas inelutables táboas;
quedamente, o tenso armisticio final
destruíndo tódalas metáforas
que nos falaban dun mañá,
dun único punto cardinal.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*