Soño de cianuro

Soño de cianuro

Por fin tiven o soño que buscabas en min.
Engulino onte xunto co vaso de cianuro co que tomei as pílulas
que eu mesmo me receitei para non odiarte.

Agarrei cos dentes o pomo da porta da saída de emerxencia
e xirei -contorsionista- o pescozo para abrila.
Atravesei o marco asomando primeiro o medo a perderte,
despois o medo a non perderme eu
e entón un ventrículo, o outro,
ata que a víscera enteira entrou na fronte inimiga
ulindo o ar contaminado da túa tristura.

Detrás de min choveron pedras derrubadas
escachando os meus ollos convertidos en bólas de cores
coas que xoguei contigo a dispararnos no peito,
desangrarnos os sorrisos, devorarnos a plumaxe
e amputarnos as ás antes de que medrasen de máis,
cinguirnos as cinturas con coitelas nas mans,
apertarnos as veas, tensarnos as arterias,
rebentarnos nervios e tendóns,
asegurar a firmeza dos nós que nos atan
e pechar o trato da nosa escravitude
cun apreixo de mans transparentes.

Fronte a min o baleiro disposto e amable,
a odiosa contraluz cegadora
acordoume entre sabas de ferruxe
nun leito de cravos imantados que agora levo
apegados á bala coa que me mataches.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*