como describir a diferenza entre unha cereixa verde
e o rastro vermello que deixa un pasado sen pechar?
un final aberto pode facer tremer a terra
ou provocarche unha enfermidade venérea
e un proído que te acompañe alén da morte
as herbas
as malas herbas malas
despertando o mundo co ruído, medrando
ós pés das vides, nai,
un alambique
as súas románticas consecuencias
o suicidio dunha xeración enteira
o metílico deformando un pobo ou cen homes
o etílico torturando unha dona e con ela
todas as donas
a matria traizoada nos seus úteros martelados
elas encheron as copas
tragaron os cristais rotos
deron nome, cor e forma ás feridas
a todas as cicatrices da historia
tamén souberon establecer os límites
amosaron orgullosas os labios e os peitos
doaron o altorrelevo das mamilas para a causa
como os berros, a guerra
ou os orgasmos cos que crean a verdade
elas todo nada
nada todo elas
nós todo sendo nada sen vós
nós a culpa de non nos capar a tempo
nós a cegueira,
nós patentando os vosos corpos
nós as mans lixadas
nós o tellado por retellar
e un aire abrasador agardando na boca
se vos queimamos as peles
e vos chantamos nas carnes cadeas, estropallos, rollas
uñas esnaquizadas salvaxes,
como exceder as barreiras e os rastros de pólvora
para dicir vós nos paristes?
como volver sermos vós?
que o aborte todo a historia
pendurada das pólas da cerdeira
para que as cereixas farten a fame de futuro
Poema e foto: Carlos Da Aira
Poema incluído na obra colectiva ‘Cultura que Une. Riberira Sacra – Douro’ editado pola Fundación Vicente Risco a través do proxecto Cultura que Une, coa colaboración das entidades:
Concelho de Peso da Régua
Associação para a Criação do Museu Eduardo Teixeira Pinto
Livraria Traga-Mundos (Vila Real)
Tertúlia João Araújo Correia