Lume

Poema en chamas

Unha aperta de auga
para Antonio Orihuela

Conduzo cara a casa con poemas roldándome a cabeza
e de súpeto vexo saír da radio do coche
un fume horrible envolvendo unhas palabras chamuscadas,
lume, chamas, Doñana, Moguer,
eu engado sen querer outras cantas,
Antonio, amigo, poesía…
e éntrame unha calor na alma que sei que non teño
á vez que unhas bágoas agres -que non salgadas-
aparecen de non sei onde.
Fágome a un lado -como se puidese…- do camiño,
deteño o coche, que se acaba de converter nun Mehari
-e o último que agora me preocupa é como-,
procuro calquera maneira de remollar este incendio no peito, na rabia,
non se me ocorre nada mellor que recoller as bágoas e tragalas, berrarlle
aos ventos un NON ignífugo, un BASTA inmenso
esperando que o leven, como sexa, ata os pulmóns mesmos
de calquera ou todos e cada un dos culpables.
Porque os hai, e merecen que se lles queime o corazón,
meréceno, e non hai devasa
para esta ira
e este desexo de cobrarlles a culpa que vén de lonxe.

Poema e fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*