aprender a contar os soños

Os restos do solpor

Esta é a historia de como se aprende a contar os soños
tamén o relato da vertixe, a descrición do loureiro
medrando ós poucos de maneira perceptible
as eclipses que se agochan entre as ramas
o arsenal que contén todas as armas brancas
no gume serrado das súas bandeiras ocres
e ningún sol máis alá de Venus

unha folla verde, unha pregunta de anticuario
outra folla seca, o tempo de podar os cabelos
ou tatuarme un sinal de prohibido tentalo de novo

a ollada perdida nos ocos que traspasa a pouca luz
que lle vai sobrando ó nacente
un reloxo de area en miniatura, un cadro mal colgado
nun tabique calquera desta casa de bonecas entre os pulmóns
o equilibrio sospeitoso da arte que unha vez máis
non nos protexeu da intemperie nin nos advertiu dos perigos
duns ollos en chamas, dunha carne inzada de anzois

o resto son só os restos dun solpor a medio gas
as fillas que rindo de nós nunca riron nin rirán connosco
os enxames que xa non nos visitan para perforarnos os ouvidos
as vacalouras escornando os farois sen equipo de protección
zoando, bisbando segredos, deixando pistas para mañá

a carón do loureiro novo, a vella e sinxela figueira
facendo alarde duns froitos que este ano minguou a xeada seca
e xa ninguén se esforza en roubar ó pasar por diante da cancela

só meu pai visita a figueira de cando en vez
chama ó timbre e nunca entra na casa se non llo pido

come media ducia de figos e non fai preguntas delicadas
porque intúe a probabilidade de que lle responda

e nós os dous xa choramos xuntos unha vez

 

Poema e foto: Carlos Da Aira

2 reflexións sobre “Os restos do solpor”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*