O soño de Europa

hai, nos pregues deste mapa, unha corrente de aire
de temperatura indeterminada, incalculable
unha bandada de paxaros autistas e asíncronos
un cardume de peixes en proceso de secado
por exemplo filetes de bacallau como sabas onde proxectar
a vergoña dun continente enteiro
unha bogada enteira de sabas
tendidas ó clareo dun sol en proceso de descomposición
un círculo de estrelas moribundas
un círculo que non acerta a debuxar unha constelación
―sequera a forma aproximada da boca dun pozo negro―

hai un dicionario con tapas de pel e fío de ouro
vomitando escusas, fronteiras, zapatos desemparellados
bonecas que aprenden a levitar para non ter que tocar o chan cos pés
para ceibarse de arder, de se derreter
nun inferno de experimentos macroeconómicos

ás veces, nese proceso de reencarnación
―no desesperado último intento de fuxida―
as bonecas ensaian novas técnicas de escapismo
por exemplo reencarnárense en manequíns
poboando entón, ó azar, os escaparates dos bulevares
nas capitais dun progreso pornográfico
ou os estantes descatalogados dos almacéns
nas factorías do esperpento

hai un manual de instrucións
un titorial para non cometer erros de principiante
na solicitude dun subsidio dirixido a mudares de pel
e convertéreste nunha víbora das boas
isto é
un réptil poderoso, con familia, tarxeta de crédito e un pasaporte
en cuxa fotografía apareces con gafas de espello
e a mirada inerte ou esquiva
―derrotada, en calquera caso.

hai, en definitiva, unha península de sangue coagulado
unha terra como anacos de carne pendurando dun mar, unida a el
por apenas un pelello, un cordel de cadáveres acuosos
que non acaban de quedar lindos nas fotografías
cando aparecen sen querer alá ó fondo
detrás dos sorrisos relucentes de bocas cheas que saben pronunciar
―sen pestanexar, sen abrir os beizos nin mover a lingua―
ese compendio de mentiras
para as que xa esgotaron todos os antefaces
todos os disfraces, todas as caretas

como cando din cidadáns e queren dicir mercancía
como cando din cristiá e queren dicir blasfemia
como cando din valores e queren dicir mercado
como cando din tradición e queren dicir xenocidio
como cando din pasado e queren dicir amnesia

como cando din futuro
e queren dicir as mesmas vellas tácticas de exterminio.

Fotografía e poema: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*