Aramado - Carlos Da Aira
Poesía

O pacto

O pacto que nos obrigaran a asinar non parecía difícil de cumprir.

Debiamos ollar para o ceo tan só de esguello e ás horas impares, cubrirnos os rostros cos títulos das súas leis para evitar as bombas, blasfemar só na súa lingua para podermos ser correctamente identificados, apreixados e encarcerados, ou facelo en voz baixa e  cabalisticamente, comezando sempre a partir do número sete.

[pero nós desexabamos lavar as nosas roupas brancas
e tendelas ó noso sol, deste lado quente e próximo da vida]

Debiamos limpar frecuentemente a parte interior das ás dos seus anxos da garda -que vixían e coidan só da súa prole- sacudirlles a metralla restante dos ataques, os restos de metal dos proxectís que sobran despois do duro traballo de apuntarnos ás nocas, ás costas, ás extremidades, ó centro mesmo do noso futuro, despois de dispararnos sempre a matar.

[pero nós queriamos vivir, con toda a forza vivir e contarlle ó mundo que nos nosos ollos caben aínda bandadas de paxaros libres]

Debiamos suicidarnos lentamente, un pouco cada día -sen estridencias, sen espaventos ou queixumes- ó amencer, antes de almorzar unha cunca de terra roubada e mastigar os cristais rotos dos nosos espellos e ventás, tamén a media mañá, mentres as aguias imperiais sobrevoan e ocultan puntualmente os nosos soños, espiando, controlando a que idade deben madurar os nosos fillos, a que idade madura a inocencia.

[pero nós queriamos parir unha bandeira branca,
e non tecer panos cos que cubrir a vergoña dun planeta mudo]

Debiamos calar as nosas cancións, deter as nosas danzas, queimar todos os nosos símbolos e as palmas das mans, ocultar o noso sorriso e só celebrar funerais, silenciar os nosos poetas, esquecer a nosa historia, non dicir, xamais, este é o noso pobo.

O pacto que nos fixeran asinar para seguirmos vivos era sinxelo; debiamos morrer tranquila, felizmente, sen molestar, sen tan  sequera sermos nós.

Carlos Da Aira
Publicado no libro colectivo Conmovidas. Abrazos para la paz,
coordinado por Montserrat Villar González e Eladio Méndez.

Fotografía: Aramado. Intervención de Land Art da miña autoría creada durante unha actividade de Land Art (ou ‘EnTerraArte‘, segundo a nomenclatura acuñada pola poeta Silvia Penas) dirixida pola artista multidisciplinar Chloe Aublet durante o Festival dos Eidos (2019), en Parada do Courel.

You Might Also Like...

No Comments

    Leave a Reply

    *

    A %d blogueros les gusta esto: