Praia de Soesto

O meu río no teu mar

“Jo, que mai he estat home de mar…”
(Manel)

Estudaba o mellor xeito
de beberche as marusías
relambendo a escuma branca
entre as túas simetrías.

Rubías ao mastro maior
abrindo as pernas devagar
lambéndome a néboa salgada
nas cónchegas das túas mans.

Envolvíache as velas no solpor
con cordeis que trenzabamos no abrente,
e xuntabamos milleiros de cabos
cos que te afianzabas no meu ventre.

Achicabas de vagar a proa
aspirando o líquido incipiente
entre poros de néboa miúda
secándome a lingua balbuciente.

Manexaba o temón con forza
na túa tormenta oxival
abrindo coa quilla as mareas
na calma do teu vendaval.

Afogabas nos berros do naufraxio
suplicando auxilio dende o tifón
e sempre se cumpría o bo presaxio,
a tremenda e sublime colisión.

Desexado e inevitable
era o meu desembocar,
o meu río no teu mar
de pura luxuria amable.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*