O insoportable pracer das rocas cravadas nas costas

O insoportable pracer das rocas cravadas nas costas

Agora que volven os días nos que a suor
é a única fronteira entre as nosas peles
e a sombra dos días mollados en que se coñeceron,
agora que os continentes que conteñen os nosos ríos
dilátanse e contráense ao ritmo excitado do mercurio,
quería contarche que volvín visitar a nosa praia.

Sei que ámbolos dous prometemos esquecelo
-todo-
pero eu non deixaba de pensar
naquelas rocas
que aínda sinto cravadas nas costelas,
nos cóbados, nos xeonllos
-tamén nos recordos, e nos soños-,
precisaba saber
se mancarían aínda como mancaban aquela noite,
con aquel mesmo pracer insoportable
que era sentir a pedra penetrándome os poros,
competindo cos teus dentes por atravesarme a epiderme,
e roubarme a inocencia de crerte tan só para min.

Así que procurei aquel mesmo recuncho agochado
onde me levaras da man,
e espín o meu corpo de roupa
-e de reproches-,
esquecín por uns intres as túas últimas palabras
e tentei imaxinar que aínda me amabas,
pero non fun quen,
e conformeime con imaxinarte
murmurándomo ao ouvido.

A noite caíanos enriba
coma poutas de animais salvaxes,
e nós tamén respirabamos coma bestas
-con dificultade e ás présas-
e arrincabámonos a dentadas
as ganas de probar nas nosas carnes
a cantidade de sal que pode absorber unha lingua
nunha soa madrugada.

Aínda así, de entre tódalas rochas da praia,
souben -perfectamente- atopar aquela que recolleu
os restos dos nosos corpos despezados
trala acometida da onda que nos inundou,
e sentín no rostro a escuma mesta
que nos anegou as veas abertas de par en par.

Deiteime nela coma me deitaba en ti,
-ofrecéndocho todo, pedíndoche nada.
Na súa superficie acariñei a túa
e lembrei a greta elástica do teu ventre
deglutindo cada un dos desexos que me nacían erectos,
aspirando o salitre nos meus beizos cosidos a ela,
convertendo en bágoas as perlas
que eu tentaba sementar naquela furna
por ver se un día nos nacía entre as cunchas
unha pequena Venus espida
-pero só nos naceu a dúbida,
e coóusenos a paixón por entre os dedos.

Acordei co sol abrasándome,
derretendo no meu peito a nostalxia
das túas uñas afiadas nas miñas costas
e os teus ollos en branco.

E todo o que se me ocorreu facer para esquecer o prezo de perder o teu sorriso
foi escribir os nosos nomes na area,
esperar pacientemente pola marea chea
e observar as ondas do mar a borralos amodo,
mentres as miñas mans tentaban
-percorrendo amodo o meu sexo-
imitar a suavidade das túas
naqueles días en que ti aínda gozabas
arrincándome
humidade
e versos.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*