Ecuación

Ecuación

Subo ao faiado e desempoo vellos libros de física, poesía e matemáticas. Hoxe tomei a firme determinación de atopar unha ecuación coa que amarte sen límites.

Repaso -con toda a lentitude da que son capaz- os teus sistemas de resolución, realizo nas túas costas os cálculos pertinentes, reviso na nudez da túa caluga constantes e variables ao tempo que che sopro nos ouvidos mínimos comúns denominadores, mínimos comúns múltiplos, pero a solución escápame, e finalmente descúbrome facendo trampas no método de redución, acariñando -sen pedirche permiso- os infinitos decimais do número PI nas concavidades da túa cintura, despexándoche todas e cada unha das incógnitas polo método da metáfora, resolvendo por aliteración e eufonía as propiedades da sumatoria, da sucesión constante de arfadas e saloucos que agroman na túa gorxa convexa e na miña lingua que se debate sen acougo entre permanecer paralela á túa e descender perpendicularmente ata o circuncentro mesmo do teu triángulo isósceles.

Limpo con auga fervendo os estilográficos, realizo cunha coitela de afeitar un tallo certeiro e profundo nas veas dos pulsos e reencho os cartuchos de tinta co sangue que brota, para lixar milleiros de follas de papel cebola á procura da túa trigonometría.

Incansablemente percorro co trazo o seno dos teu seos, esvaro pola bisectriz dos teus ángulos, e detéñome trinta e sete graos máis abaixo, na secante do teu arco, no óvalo aberto e elástico no que debuxo con pulso firme infinitas liñas rectas que entran e saen e entran e saen e entran e saen das túas circunferencias.

E finalmente abro -ata que me doen- as mans, os ollos, todo aquilo que podo abrir, nun movemento convulso no que perdo absoluta e irremediablemente tódolos cálculos previos.

Deixo correr a tinta descontrolada por toda a túa xeometría, e acado o teu centro de gravidade no mesmo intre no que o universo enteiro se concentra nun punto de luz.

E atópote.

Poema: Carlos Da Aira
Ilustración: David Silva

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*