E sorriches

E sorriches

Chegaches sibilante co teu cabelo crecho,
bisbándome aos ouvidos preguntas
que levaban a túa pel por suxeito,
facéndome devecer polo tacto
do teu húmido verbo,
a túa carne que sen apenas traballo
adheriu un predicado
á punta dos meus dedos…

e sorriches.

Analicei cada curva do teu xénero
coma se me faltasen futuros,
e subliñei seguido os teus lexemas
para telos ao alcance das xemas
cando se tornasen maduros…

e sorriches.

Recalaches en min sen planear os sinais,
os inicios, os precedentes,
moito menos aburar os presentes
ou apurar os finais,
outorgándome pretextos
para errar as concordancias
coméndoche os momentos,
roubándoche a abundancia…

e sorriches.

Enchémonos de adxectivos con lingua,
de substantivos salgados que pousamos
nos atributos dos nosos corpos suorentos,
de onde xurdiron parénteses, trazos,
aspas, comas, pero sobre todo acentos
e longos signos de exclamar
entre os que  ambos nos dixemos
que, se aquilo era o comezo,
poderiámonos amar…

E entón, sorrimos.

Carlos Da Aira 
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*