Hoxe é día de eleccións
e eu aínda non decidín
a maneira de suicidarme,
a arma que me penetre,
o sucedáneo dos teus ollos
nin a que altura cortar
os membros que me sobran
tras a túa partida.
Botei a correr por camiños que descoñezo
tanto coma as madrugadas que me agardan,
escoitei pitar os trens preto de min
pero unha vez máis non os vin pasar
-e xa van mil-.
Na entrada de cada aldea
hai un cartel co teu nome en maiúsculas
convertido en topónimo,
lembrándome que non conseguín esquecerte
nin que me esqueceses,
e que, igual que eu entro e saio de cada aldea
-e coa mesma rapidez-,
ti entraches e saíches da miña.
Pero en cada saída hai
unha franxa vermella atravesando o teu nome
e eu
xa non teño folgos para borrar diagonais,
e menos se son vermellas.
Hoxe é día de eleccións
e eu aínda non decidín
se quero vivir
ou morrer contigo.
Ao final da xornada
o reconto dos bicos
que depositei na túa urna
dirame cantos me faltaron
para non perderte.
Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira
No Comments