Coma puños!

Coma puños!

Vós non tendes nin puta idea,
iso lles dixestes,
e á fin coñecestes
a forza da marea;
berrou a xente con voz potente,
o pobo é quen máis ordena.

Nós non temos nin puta idea,
pero sabemos que nos sobrades.
O noxo que nos dades
é a forza que nos leva
a tomar as cidades
e arrincarvos o que nos debedes
– Cada hostia que levades?
– Un milleiro merecedes!
Temos hostias coma puños!

Nós non temos nin puta idea,
pero temos ollos coma puños,
beizos coma puños,
insultos coma puños,
xenreira contida
coma estes puños que non damos aberto.

Temos preguntas coma puños,
feridas coma puños,
engurras coma puños,
temos tódolos puños do mundo en nós!

Temos
da pobreza a dignidade,
a xenreira, a coraxe.
Temos
todo o noxo que nos dades
polos días que nos roubades,
non temos medo, temos fame!

Temos cancións coma puños,
berros coma puños,
sorrisos coma puños,
temos tódolos puños do mundo en nós!

Temos a forza da razón,
temos as gorxas adestradas
en tantas loitas pasadas
nas que puxemos os corazóns.

Temos todo o odio que vos debemos,
temos armas coma puños,
e un arsenal de balas
en cada poema que aprendemos,
temos versos coma puños,
metáforas coma puños,
rimas coma puños,
temos tódolos puños do mundo en nós!

Eles comen tudo e non deixan nada,
déixannos este mundo a piques de estalar,
é por iso que cómpre aprender a amar,
instaurar
a república dos bicos,
a revolución das apertas que nos unen,
das mans abertas para os amigos,
e ó inimigo: lume!

Temos os nosos corpos que non vos pertencen,
que non vos pertencen, escoitade ben,
que non vos pertencen!,
temos corpos coma puños
conas coma puños,
carallos coma puños,
liberdade e desexos coma puños
para facer do sexo unha trincheira,
para facer o amor, se é preciso, a vida enteira.

Temos bicos coma puños,
linguas coma puños,
caricias coma puños,
temos tódalas caricias do mundo en nós!

Aferrámonos ás rochas firmes
nas costas da rabia produtiva
e proclamamos o noso paraíso
poboado desta raza de seres
enchidos de mar, liberdade, amor e violencia.

Pola morte da conciencia,
pola fin da paciencia,
poesía coma puños!

Poema: Carlos Da Aira
Fotografía: Iñaki Maira / Carlos Da Aira 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*