Brasas, cinza, lapas

Brasas, cinza, lapas

Agora que a poesía perde o sentido
é o verdadeiro momento do poema,
de riscar cada verso
e destrozalo coa mirada cansa
e a certeza da inutilidade das palabras.

Ollar a lúa dende a solaina
e desexala con todas as forzas
non nos achega
un só milímetro máis a ela,
nin a ela a nós
-iso, desgraciadamente,
aprendémolo cando xa estamos
a afogar no seu reflexo-

Precisar da luz, ama-la vida,
velaí o primeiro paso
para coñecer a escuridade
de chegar sempre tarde
e pulsar o interruptor equivocado,
o que apaga todas as lámpadas
e pecha portas e ventás.

Camiñamos -sempre-
con pasos adiados,
tropezamos nos coios á mantenta,
caemos na lama e aproveitamos
para bañarnos nela
e limpar as impurezas das nosas peles
arrincando no proceso
-sen decatarnos xa-
extensos fragmentos dos nosos corpos.

Arrecende a bosque queimado,
e eu volvo ter fame
de brasas
cinza
e lapas,
agora que lembrei
que sendo neno incendiei a casa
que estes días estaba a construír para nós.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*