“Yellow“, de Nathan Sawaya

Berrarlles ós xordos

Tamén eu esquezo solpores rexios,
trafico con xogos de palabras e procuro
novas mesturas que me roian os soños,
regalo antónimos á porta dos colexios
a cambio de vellos insultos
que reservo para os outonos.

Retorzo olladas no fondo da celulosa
co desexo insán de provocar
singularidades no meu universo
-curvaturas extremas, escuras nebulosas-
acubillando monstros ridículos,
diminutos insectos sanguinarios
entre as tempas e os testículos,
no estalar dos dedos a compás ternario.

Fóra, a raíz de pedra que racha os tempos,
a insultante melodía aborrecida
duplica os vellos paradoxos e contamina
as peles intocables e os podres alentos.

Heime de subir ao alto, que no alto mato ben,
para ver os meus amigos que hoxe veñen de morrer.

Ergo puños de compañeiros que decidiron
amputarse as extremidades baldías e sobrantes
debuxando escusas nas areas das costas da morte,
coma quen lixa con sangue corpos agoniantes
e espalla slogans magníficos berrando en braille
nos ouvidos dos xordos defuntos de onte.

Que lles aproveite o cianuro con raña
e vomiten en copas de alpaca,
pero que non me conviden á festa.

Que engulan mercurio para medirse a febre
e se indixesten de tanto lamberse o seme.
Compartimos outras orxías. Non me agardedes nesta!

Carlos Da Aira
Imaxe: “Yellow“, escultura de Nathan Sawaya

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*