Atoparnos nos lacrimais. Videopoección de Carlos Da Aira

Atoparnos nos lacrimais

Nos teus ollos, nos meus,
neboentas manchas pretéritas,
borranchos ocultos, silentes,
segredos temiblemente descifrables.

Nas nosas pálpebras o chumbo.
A pedra, a lousa asasina
tremente no abalanzar
entre queimármonos os peitos
ou deixar pasar as horas
e morrer de noites murchas.

Nos nosos iris tódalas cores,
tódolos posibles, tódolos mundos,
os soños e os insomnios,
o apetito,
as inmensas ganas de mordernos os nervios,
atoparnos nos lacrimais
e recoñecer neles
a casa onde nacemos.

Nas túas bágoas, nas miñas,
mares nos que nomearnos,
borrarnos os nomes e os corpos
de tanto consumírmonos.
Penetrarnos as córneas e saber
que varamos no fondo do outro
no ardor de atravesármonos,
de cobizar a derradeira mirada
coa que poder enchernos
sen nos ter que baleirar.

Poema e fotomontaxe: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*