Alegación contra a pezoña de facerse maior -ou síndrome de peter punk-

Alegación contra a pezoña de facerse maior -ou síndrome de peter punk-

Seguimos aquí, na fronteira
entre xogos inxenuos
e sucos de morte,
comprendendo a luz do día,
adorando a noite,
cavando con cada risa
unha fonda trincheira.

Coñecemos monstros
que habitaban armarios
de portas entreabertas,
e hoxe aprendemos
a destapar os rostros,
semellar temerarios,
imitarnos, disolvernos.

Soubemos, descubrindo
amores tóxicos, sucios poemas
entre o fume e as sabas,
o que é acordar sufrindo
humidades extremas,
arterias que inchaban.

Daquel tempo conservamos
o arrecendo dos obxectos,
o aroma dos libros,
o ritmo dos sorrisos,
o membro erecto,
os bicos que aínda debemos,
o sabor do viño,
a memoria do momento,
cada cruce do camiño
e milleiros de erros
certeiros, perfectos.

Onte fomos maiores
─uns apestados, uns traidores─,
hoxe temos a exacta idade
das promesas que incumprimos,
e cuspimos sobre os infames
fabricantes de pasados,
vendedores de futuro,
voyeurs das vexames.

Hoxe baixamos o escudo
dunha absurda seriedade
aprendendo a ollar o mundo
con menos anos, con máis verdades.
Espimos as cicatrices
desta nosa pel de neno
e non nos sentimos menos
proclamándonos felices,
vomitando a vergoña
libres da carga abafante,
cheos de zumes adozantes
contra tanta podre pezoña.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*