Estannos domesticando

Esas ganas de rebentalo todo, de estourar xunto coa bomba nuclear,
de ter raios ultra-mega-prototrónicos nos ollos e fundir coa mirada
montañas, rañaceos, farois e fórmulas matemáticas, todo xunto.

Estannos domesticando.

Xa ninguén se atreve a dicir “a ese? a ese malnacido era pouco matalo!”,
desapareceu o odio produtivo, incluso das letras dos grupos punk
-e os grupos punk, eses tamén desapareceron-
a movida viguesa quedou reducida a un Citroën última xeración
pasando a 150 km/h por diante do radar do Porriño,
e toda a forza da violencia construtiva quedou condensada
en escachar ovos contra un cristal de ABANCA
-e ata iso teñen que facelo os nosos avós,
nas horas libres entre coidar das netas e da horta
nestes últimos días de democracia.

Estannos domesticando.

Xa non rebobinamos as K7 con aquela axilidade nas articulacións,
e é por iso que esquecemos que un boli bic cravado nos ollos
é unha arma tan válida como o verso mellor escrito,
e non sabemos do poder da poesía
porque xa ninguén se atreve a recitarlle un verso de Lois Pereiro
a esa porra que baixa a cen por hora cara a nosa mandíbula
tan ben preparada, grazas á evolución, para recibir todas as hostias do progreso.

Estannos domesticando.

Falamos en linguas mortas e morremos de tanto ter as linguas mortas,
mórrenos a fala e inventamos novas linguaxes mortas para morrer matando
as poucas ánimas mortas que se nos aparecen en pesadelos
para lembrarnos que os soños doces xa morreron
e a morte está máis preto do que cremos.

Estannos domesticando.

Baleiramos botellas de cervexa e confundimos as armas coa munición,
suicidámonos un par de veces ao día e mastigamos balas de cobre,
sulfatámonos os ollos en encontros furtivos entre as trincheiras,
discutimos cunha enerxía sobre-humana sobre o sexo dos anxos
e por veces ata chegamos a algunha conclusión.

Estannos domesticando.

Todo o que nos resta para nos liberar
é escribir poemas surrealistas,
impregnalos de licor café e gas mostaza
e envialos camuflados en cartas de amor
aos novos amos da terra que sementamos.

Estannos domesticando.

Poema: Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira