Metacrítica

Tapáronnos as bocas abrindo os muros das redes,
e aquí estamos, fumando pipas da paz cheas de produtos velenosos
que nós mesmos aprendemos a sementar mirando vídeos de youtube,
loitando contra a soidade cun feixe de frases de Paulo Coelho e vídeos de gatiños,
facendo fronte ao capital con listas de empresas boicoteables
e twits cargados dunha rabia de segunda man e plaxio constante.

Dálle ao gústame.

Non te molestes en ler a Federica Montseny, a Bakunin, a Marx, a Emma Goldman, a Antonio Orihuela…
Fabrica bombas de palabras grandiosas e colócaas nos caixeiros automáticos do teu barrio obreiro. Agarda a que non haxa indixentes  durmindo no chan e activa o detonador dende o teu sofá,  ou dende o teu portátil.
O carné de radical de esquerdas chegarache este domingo xunto co suplemento do último xornal independente; poderás recollelo cando chegues da última manifestación-botellón, e amosalo orgulloso no próximo concurso de ideas para cambiar o mundo.

Dálle ao gústame.

Encárate a un antidisturbios. Amósalle no teu móbil esa foto de Internet en branco e negro con fusís e caraveis e unha señora que podería ser a túa avoa, pero non o é, e pregúntalle se quere que lla pases por Whatsapp.
Se contesta que non, despreza a ese policía sobre todas as cousas, insúltao, cúspelle; que se note que odias a policía dende que tes uso de razón, incluso dende antes de decatáreste, esoutro día en Facebook, que aquí tamén encarceran e torturan xente por pensar, que as galegas non teñen menos dereitos que as mapuches e que  resistencia Galega é tan mala coma ETA.

Dálle ao gústame.

Pecha o puño e que todo o mundo saiba que naciches con el pechado; practica a arte de erguelo, primeiro amodo, por se ninguén te está a mirar, despois de golpe, con enerxía, que se note que o levas no sangue.
Okupa o tempo, okupa unha casa, okupa o teu espazo, okupa unha boa opinión e que pareza que é túa.
Se é preciso, cambia algunhas palabras; por exemplo non digas “loita de clases”, di “caspa”; non digas “Galiza queimada”, di “Amazonas deforestado”, non digas “sector do leite”, ou “sector do cerco”, di “Monsanto”, ou por exemplo non digas “pobo asoballado”, di “pueblo oprimido”, porque todo o mundo sabe que en castelán sempre se sufriu moito máis que en galego.

Dálle ao gústame.

Compartir.

Poema: Carlos Da Aira
Fotografía:Carlos Da Aira

Teño bágoas dabondo

Teño bágoas dabondo
para construír un fogar no que chorar,
paredes de sal que non me atrapen
e un chan para pisalo e sentir
a firmeza da terra que me contén.

Teño mil motivos para estoupar
e un só para construírme,
facerme de ferro, enferruxar a tristura
de saber que seguirei só
cando todo isto remate.

Teño un feixe de poemas
que aínda non che escribín,
pero ti xa coñeces
tódalas rimas,
tódolos versos
que os habían inundar.

Teño o peito cheo de ardora
e un mar de ríos
que nunca desembocarán en ti,
e aínda así
descubrireime sorrindo
cando ti coñezas os ollos do teu futuro
e eu
o insomnio de tódalas noites
nas que xa non me lembrarás.

Poema: Carlos Da Aira
Fotografía:Carlos Da Aira