Lembrar sorrisos futuros

Estou aquí a lembrar tódalas cópulas que non nos uniron, tódalas combinacións de corpos trabucados e membros enleados das que non chegamos a gozar.

Aquí
é un espazo incómodo, irreal, suspendido a media altura entre o desexo das túas coxas coma buguinas nos meus ouvidos e a necesidade da túa suor na miña lingua.

Lembrar
é o improdutivo ensaio do suicidio eternamente adiado, exercicio de prestimaxinación, vendaval remexendo as entrañas entre marés de palabras que partían do interior do teu peito e o teu verbo feito auga avolta que me afogue cun sorriso.

Sorriso
como Graal que sigo a procurar sen acougo, obxectivo sinxelo que foxe coa mesma sinxeleza que o fai necesario.

Sorriso
como paradoxo daquilo que ansío almorzar cada mañá entre as miñas sabas antes de facelas nosas e enfrontarme a este estraño soño no que cada curva na comisura dos beizos semella cotizar en bolsa e cobrar ao cambio milleiros de bágoas e ombreiros rendidos.

Sorriso como fin derradeiro,
sorriso como campo de batalla,
sorriso como arma, como munición,
como francotirador,
como vítima elixida.

Sorriso como leito no que nacer,
como terra na que loitar
como tumba na que morrer.

Prometo
-por moito que doa a morte-
morrer sorrindo.

Carlos Da Aira
Fotografía: Carlos Da Aira